Wednesday 15 de May de 2024

Yoya Neira conclúe a rolda de reunións cos sindicatos das empresas que xestionan o Servizo de Axuda a Domicilio


En todas as reunións mantidas falouse sobre a situación xeral na que se atopa o servizo, e o horizonte de mellora cara ao que se debe encamiñar este

Hoxe rematou a rolda de reunións entre a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, e os tres sindicatos (UGT, CIG e CCOO) con representación nas tres empresas encargadas de xestionar o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD): Clece, Fepas e OHL- Ingesan.
Os encontros que tiveron lugar na xornada de hoxe foron os mantidos cos representantes de UGT e CIG. O pasado mércores, a edila Yoya Neira tamén se reuniu coa representante da plataforma SAF Galicia, para aborar a situación do servizo de atención domiciliaria.

En todas as reunións mantidas falouse sobre a situación xeral na que se atopa o servizo, e o horizonte de mellora cara ao que se debe encamiñar este. Ademais, os e as representantes sindicais trasladáronlles as súas inquietudes e as súas propostas á concelleira.